• Novas
  • 27 de marzo de 2023

Participación activa de COGAMI no congreso Mo_cidade da xuventude galega

Participación activa de COGAMI no congreso Mo_cidade da xuventude galega

Do 23 ao 26 de marzo celebrouse en A Coruña a terceira edición de Mo_cidade, un congreso que organiza a Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia para unir formación, creatividade, emprendemento, cultura e lecer e que permite compartir experiencias, proxectos ou ideas, e fomentar a participación e o diálogo entre o público asistente.

Unha das entidades que participou neste congreso dirixido á xuventude galega foi COGAMI. As traballadoras sociais Olalla Esmorís e Ana Fernández organizaron unha actividade dinamizadora para promover a inclusión social no ámbito do lecer das persoas con discapacidade.  

As persoas destinatarias destas xornadas foron mozas e mozos de 18 a 30 anos ademais de persoal técnico do sector de lecer educativo e de tempo libre. Cara elas van dirixidas actividades que procuran darlle protagonismo á xente nova e ámbitos do seu interese como a cultura urbana, as novas tecnoloxías, o mundo dos videoxogos, a música, o emprendemento e o acceso ao mercado laboral.