Un total de quince persoas con discapacidade (5 homes e 10 mulleres), todas elas apuntadas na base de datos que ten o Servizo de Intermediación Laboral de COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade), iniciaron un curso de Operacións Auxiliares de Servizos Administrativos e Xerais.
Cofinanciada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e o Ministerio de Emprego e a Seguridade Social, esta formación está dirixida a persoas que actualmente están en situación de desemprego, co fin de que poidan aprender unha profesión e adquirir maiores competencias de cara á inserción laboral.
Para poder apuntarse a esta formación, todas as persoas seleccionadas tiñan que ter recoñecidas discapacidade ou incapacidade laboral para profesión habitual, ademais de estar en situación de desemprego e ser maiores de idade. As persoas que iniciaron o curso proceden, ademais do concello coruñés, tamén dos de Culleredo, Sada e Oleiros, e todas eles comprenden un tramo de idade que vai dende os 21 ata os 55 anos.
Cun total de 448 horas de duración, co que rematará o 1 de marzo de 2019, esta formación estase a impartir de luns a venres en horario de 9 a 14 horas, nas instalacións que COGAMI ten en A Coruña (edificio A Milagrosa, na avenida de Cádiz, nº1, 1º andar).
O alumnado, para poder obter o certificado oficial de profesionalidade, terá que superar os módulos que se van impartir sobre técnicas administrativas básicas de oficina, comunicación e arquivo. A maiores terán a oportunidade de realizar prácticas profesionais non laborais en empresas da zona.
Estas formacións teñen por obxectivo conseguir un incremento das posibilidades de inserción laboral nas persoas traballadoras desocupadas e, no caso de COGAMI, nas persoas que teñen discapacidade. Coa impartición destes cursos, COGAMI pretende ofrecer máis posibilidades laborais a un grupo social, como é o da discapacidade, que conta cunha taxa de paro superior en nove puntos á das persoas que non teñen discapacidade.
Actualmente, a área de emprego de COGAMI en A Coruña ten unha base de datos na que hai 4.597 persoas inscritas como demandantes de emprego, das que 1.809 son mulleres e 2.788 son homes. No primeiro semestre deste ano, foron 355 persoas as que lograron inserirse laboralmente, unha cifra que a Confederación agarda ir incrementando ano tras ano en favor das persoas con discapacidade.