• Novas
  • 27 de septiembre de 2017

Persoas recoñecidas experimentaron como se pasea por Compostela en cadeira de rodas a través de COGAMI

Persoas recoñecidas experimentaron como se pasea por Compostela en cadeira de rodas a través de COGAMI


Un ano máis, COGAMI participa na Semana Europea da Mobilidade en colaboración co Concello de Santiago de Compostela. Co fin de concienciar da necesidade de construír e deseñar cidades accesibles, COGAMI sentou en cadeiras de rodas a 20 persoas coñecidas do ámbito da cultura, humor, política, ciencia, deportes, empresariado e comunicación, que experimentaron en primeira persoa se era posible moverse libremente pola cidade.

Nesta ocasión, acompañaron ao vicepresidente de COGAMI, Ramón Sestayo, o concelleiro de Mobilidade Jorge Duarte, a escritora Rosa Aneiros, a locutora da Radio Galega Clara de Saa, o condutor de Rallie Luis Penido, presentadores TVG Ana Pérez e Terio Carrera, grupo municipal PSOE Gonzalo Muíños, grupo municipal BNG Rubén Cela, grupo municipal PP Alejandro Sánchez, Compostela Monumental Francisco Javier Olmo,  Asociación Empresarios Polígono do Tambre Jesús Chenel Noya, José Manuel Beceiro e Ramón Lois Lorenzo, atletas Esther Pedrosa, Raquel Pedrosa e Pedro Nimo, o científico e profesor da USC Jorge Mira, as actrices Ledicia Sola e Isabel Blanco e o humorista Xosé Touriñán.

O percorrido discorreu por rúas da zona nova compostelá que foron renovadas recentemente, sendo o punto de partida Carreira do Conde en dirección a  rúa da Senra, rúa do Hórreo, Montero Ríos e volta a Carreira do Conde. En principio, unha persoa que camiña pode percorrer esta ruta trazada en 10 ou 15 minutos. Sentadas na cadeira o percorrido levou máis de 45 minutos. “A xente non te respecta” comentaba Rosa Aneiros, mentres que Isabel Blanco comentaba “é incrible as miradas que nos bota a xente”.

A subida que tiveron que realizar pola rúa da Senra foi un dos tramos que contou con máis dificultade porque, aínda que a pendente non é moi pronunciada, tiveron que facer forza nos brazos para subila. Tamén lle deron moita importancia aos rebaixes das beirarrúas, “cinco centímetros supoñen un muro para unha persoa que vai en cadeira de rodas”, apuntaba Jorge Mira. Mentres que para Ana Pérez “esta foi unha experiencia moi reveladora”.

Dende COGAMI agradecemos a participación de todas estas caras amigas porque a colaboración de persoas coñecidas sempre axuda a que a sociedade coñezan a problemática que existe cando as cidades non son accesibles.