A Asociación de Discapacitados Activos de As Pontes (A Xanela), participou en As Pontes enPezas, unha iniciativa que ten por obxecto encher de pezas artísticas toda a vila co fin de recuperar e revalorizar espazos públicos do concello mediante intervencións artísticas baseadas nas técnicas de arte urbana.
Posta en marcha polo concello de As Pontes, esta iniciativa conta coa implicación de asociacións, centros educativos e da cidadanía de As Pontes, sendo unha delas A Xanela. Esta entidade participou a través de dúas actividades: a creación dun graffiti con fíos e unha intervención artística á que sumaron as realizadas por outros artistas como Iván Gómez, Dávila, Eduardo Hermida ou Noemí Larred, intervención que fixeron das rúas de As Pontes un auténtico museo ao aire libre.
Dende o mes de outubro as persoas usuarias de A Xanela están participando nun obradoiro de gancho no que elaboraron unha serie de pequenas pezas de fío, que se uniron ás elaboradas polo Clube da Agulla, a Asociación de Amas de Casa, a Asociación de Viúvas Mª Magdalena e outras asociacións veciñais para crear un proxecto colectivo que se expuxo durante o fin de semana no parque municipal de As Pontes, con motivo da Feira de Fungos e Cogomelos.
En colaboración coa Asociación de Artistas Ponteses, a Xanela contribuíu á recuperación e revitalización dun espazo non Rego do Campo creando un mural de pintura de dous metros de alto e oito de longo, co fin de concienciar sobre a discapacidade.
A Xanela
Asociación de discapacitados activos nace en 2000 para coordinar e promover a defensa dos intereses das persoas con discapacidade, co fin de conseguir a máxima atención social á problemática que representan, e a súa integración na sociedade.
Situada no municipio de As Pontes, conta con 177 persoas asociadas e 20 usuarias. Diríxese a persoas con discapacidade física, psíquica e sensorial do concello e poboacións limítrofes así a como aos seus familiares e contorna social.
A súa misión e mellorar a calidade de vida e fomentar a integración social das persoas con diversidade funcional e as súas familias, a través de actividades terapéuticas e de lecer e tempo libre.