• Novas
  • 11 de octubre de 2017

Persoas usuarias da asociación Asodifisi acoden a Danzaterapia en Mos

Persoas usuarias da asociación Asodifisi acoden a Danzaterapia en Mos


Persoas usuarias da Asociación de Persoas con Discapacidade Físicos e Psíquicos de Mos iniciaron o mes de outubro unha actividade na que mesturan tanto a  parte terapéutica como a lúdica.

Todos os luns e xoves, ata fins de decembro, practican danzaterapia, unha técnica que consiste en facer un uso psicoterapéutico da danza e o movemento para lograr a integración dos procesos cognitivos, corporais e emocionais.

Financiado pola Deputación de Pontevedra e co apoio de Fundación la Caixa, esta actividade encádrase dentro do servizo de `Atención integral ás persoas con discapacidade da provincia de Pontevedra´ e que puxo en marcha a Federación que COGAMI ten nesta provincia. A través deste servizo preténdese fomentar a autonomía das persoas con discapacidade a través das demandas e necesidades reais detectadas nas 13 asociacións membro da Federación COGAMI Pontevedra.

A técnica da danzaterapia consegue optimizar as condicións físicas e psicomotrices das persoas con discapacidade, fomentar a súa autonomía e incrementar a súa autoestima, desenvolvendo á vez as súas cualidades creativas e favorecendo a interacción co seu medio e entorno social.

Un total de 15 persoas con discapacidade asociadas a Asodifisi  asisten durante unha hora os luns ás 18:50 e os xoves ás 12 horas ás clases que lles imparte a Licenciada en psicoloxía e con formación en danzaterapia, danza oriental, pilates e arte, Inés Darriba.