• Novas
  • 22 de septiembre de 2021

Persoas usuarias do centro de COGAMI en Medelo pasan uns días de vacacións na localidade almeriense de Mojácar

Persoas usuarias do centro de COGAMI en Medelo pasan uns días de vacacións na localidade almeriense de Mojácar

Un total de 9 persoas usuarias do centro de recursos que COGAMI ten en Medelo, Silleda, acompañadas de 2 profesionais, están arestora gozando da praia e do sol na localidade de Mojácar, en Almería. Ata alí viaxaron esta fin de semana dende o aeroporto de A Lavacolla, para pasar unha semana de vacacións que contempla visitas a outras localidades como Garrucha e a cidade de Almería e tamén desprazaranse polas distintas praias accesibles coas que conta este litoral.

Esta semana de vacacións está organizada por COCEMFE (Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica), entidade da que forma parte COGAMI, e que, tras un parón o ano pasado por mor da pandemia, volveu retomar este programa de vacacións que conta con éxito de participación a nivel de entidades de toda España.  

Durante este ano ofertáronse máis de 30 viaxes que iniciaron no mes de xuño e que rematan neste mes de setembro, todas elas dirixidas a 450 persoas maiores de 16 anos, con discapacidade física ou orgánica igual ou superior a 33%, tendo prioridade as que superan o 50%, e podendo asistir tamén acompañantes.

Financiado polo IMSERSO e Fundación ONCE, este programa promove que as persoas con discapacidade poidan exercer o dereito ao descanso e ao tempo de lecer, dereitos recoñecidos por Nacións Unidas en 1948 e amparado pola Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade.

O día 24 de setembro estará de volta o grupo para continuar coa súa actividade no centro de Medelo.