María Ramírez traballa como educadora social no centro de recursos que COGAMI ten en Monteporreiro, na cidade de Pontevedra. María propuxo realizar clases de ioga no centro, para que as persoas usuarias poidan beneficiarse desta disciplina tanto a nivel físico como mental e emocional. Esta proposta saíu adiante e con moi boa acollida.
María, como xurde facer ioga no centro de Monteporreiro?
Primeiramente quero aclarar que conto coa formación adecuada para a práctica do ioga. Recibín formación de profesora nun máster de 500 horas na Escola Internacional de Ioga, especializándome en Ioga Restaurativo, Instrutora de Ioga Nidra e Instrutora de Mindfulness e Meditación co Dr. Denis Criado, ademais de formarme no método Arunai que está adaptado á discapacidade.
Xorde a idea de unir e achegar o ioga a aquelas persoas usuarias que tiveran algún tipo de interese por esta práctica coa intención de favorecer o seu desenvolvemento persoal, propiciando un espazo para parar, onde favorecer a auto observación e a auto indagación, un espazo onde cultivar unha actitude amable e compasiva cara un mesmo.
Como foi a acollida, canta xente asiste ás clases?
Moi ben. Todas as mañás 5 persoas usuarias comezan as súas actividades cunha sesión duns 20 minutos de meditación Ioguica. Os luns, 6 persoas asisten a Ioga Nidra e durante as tardes do martes, mércores e xoves, son 10 persoas, divididas en 3 grupos, as que practican Hatha Ioga. Todas estas actividades son voluntarias, hai xente que participa nas tres actividades e outra que participa nunha soa.
Teñen que levar unha indumentaria específica ou non fai falta?
Con que traian roupa cómoda que lles permita moverse con facilidade é suficiente. Hai quen trouxo a súa propia esterilla.



Que pretendes con estas clases de ioga/Nidra e Meditación?
Pois o que pretendemos é favorecer o desenvolvemento dunha actitude máis distendida cara á propia vida e os procesos vitais de cada unha das persoas usuarias. Desenvolver unha visión e actitude ante a vida que lle resulte o menos prexudicial e que poidan gozar de cada momento sexa como sexa. Minimizar a reactividade ante as dificultades coas que as persoas usuarias se presentan no día a día, e facer que a súa resposta sexa dende a calma, dende a análise e o coñecemento ou polo menos, dende a consciencia.
Que é o que máis lles custa facer e, pola contra, que posturas son as que mellor se adaptan a todas as persoas?
Non todas as posturas están ao alcance de todas as persoas, pero si todas as persoas poden entrar en âsana. A práctica de âsana se adapta a cada persoa, independentemente do seu estado, condición física, situación en particular... na clase empréganse alternativas a determinadas posturas, por exemplo as invertidas se fan de xeito pasivo empregando soportes: parede, cadeiras...
Xa son coñecedores de posturas, quero dicir, cando dis o nome, xa saben o que teñen que facer?
A actividade de Hatha Ioga lévase desenvolvendo dende decembro e é certo que a constancia a nivel xeral é sorprendente. A concentración que manteñen ao longo de toda a sesión é marabillosa. Responden en cada momento a instrución e a âsana á que van entrar. A proposta durante a sesión foxe do xeito “Pensar e Facer” e achégase máis ao concepto “Sentir e Ser”. Que quero dicir con isto? A proposta é fomentar unha escoita interna, crear unha unión entre o corpo e a mente mediante o vínculo e a ancoraxe coa súa respiración, percibindo as sensacións do seu corpo, escoitándose e atendéndose, deixando de lado a “mente pensante” e a atención do exterior.
Xa perciben algúns resultados positivos as persoas que asisten ou aínda é cedo?
Cando lles pregunto, manifestan experimentar momentos de maior calma e serenidade e nalgún momento teñen manifestado ter menos tremores, pero quizá isto sexa demasiado ambicioso e pouco obxectivo.
Por que cres que a xente se está apuntando ao ioga? É unha moda, un boom ou, pola contra, debería ser imprescindible?
Está claro que converteuse unha moda e que é consecuencia do ritmo de vida ao que estamos sometidos. É o bote salvavidas para sobrevivir o ritmo de vida. É un pouco contraditorio, pasámonos todo o día sobre estimulados e buscamos un momento para parar, un momento onde poder estar en contacto cun mesmo. Non sería mellor manter unha actitude de maior presenza e consciencia ao longo do día?
Ata cando van estar as clases no centro?
Ata que haxa usuarias que queiran practicar e a programación do centro o permita. Hai un obxectivo utópico/ambicioso que profesionais e persoas usuarias comezáramos meditando xuntos todas as mañás e que os profesionais adquiramos e adestraramos en técnicas Mindfulness para mellorar a nosa intervención e labor profesional.
Que percibes cando impartes estas clases de ioga?
Encántame poder compartir con eles estes momentos, son fantásticos! Percibo na clase respecto e concentración, aínda que ás veces se escapa algún sorriso, pero tamén forman parte da xornada. Gústame moito antes de entrar na clase, ver como están fóra as cadeiras ou muletas, parece que se desposúen de todo e entran na sala espidos, naturais, desprovistos dunha imaxe e aparencia social e atópome na sala unhas persoas fascinantes coa única intención de ser.