• Novas
  • 11 de julio de 2018

Persoas usuarias do centro de recursos que COGAMI ten en Lugo protagonizan o proxecto IMPROVabilidades

Persoas usuarias do centro de recursos que COGAMI ten en Lugo protagonizan o proxecto IMPROVabilidades

Persoas usuarias e profesionais do centro que a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade ten en Lugo (rúa da Luz, 4 no polígono de Fingoi), saen á rúa para presentar IMPROVabilidades, un taller de improvisación teatral no que estiveron a traballar 25 persoas usuarias do centro nos últimos meses.

No marco deste proxecto, impartido durante estes últimos 10 meses polas voluntarias Kallirroi Gentilini e Georgia Ormyliotou, que se atopan realizando o Servizo de Voluntariado Europeo en COGAMI en Lugo dentro do programa Erasmus+ no que participa a entidade, realizaremos dúas clases de teatro de improvisación na rúa á que están convidadas todas as persoas que queiran sumarse á actividade.

A primeira delas terá lugar o día 12 de xullo na Praza Maior de Lugo, en horario de 11:30 a 12:30 horas. A seguinte sesión realizarase o 27 de xullo no Vello Cárcere en horario de 12:00 a 13:00 horas, e na que participarán familiares e diversas organizacións da cidade.

O teatro de improvisación é unha excelente ferramenta para mellorar  a comunicación, o traballo en equipo e a autoestima, ademais de resultar unha actividade moi satisfactoria, polo que significa de intercambio e aprendizaxe a presenza do voluntariado europeo que traballa e comparte o día a día coas persoas usuarias do centro.