• Novas
  • 02 de octubre de 2019

Persoas usuarias do centro que COGAMI ten en Medelo inician en Caldas de Reis o Camiño

Persoas usuarias do centro que COGAMI ten en Medelo inician en Caldas de Reis o Camiño


O grupo formado por 19 persoas, das que 13 son usuarias e 6 monitoras do centro que ten a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) en Medelo (Silleda), iniciou sobre as 11:30 horas de hoxe a etapa do Camiño Portugués, tendo como punto de inicio a localidade de Caldas de Reis.

A saída produciuse sen ningún imprevisto. Ata o inicio da primeira etapa en Caldas de Reis chegaron nos vehículos adaptados que ten o centro e, tras baixar e tomar un aperitivo, cada unha das persoas camiñantes colleu a súa mochila e iniciou a primeira das catro etapas que lles quedan por andar. Como esta non é a primeira vez que realizan esta actividade, o grupo bótase ao Camiño con moitos folgos, ilusión e gañas de vivir esta experiencia.

Esta actividade forma parte dun proxecto presentado á Consellería de Cultura e Turismo no marco de dinamización do Xacobeo 2021 e dentro do programa O teu Xacobeo. Baixo o lema de `Rodando o Camiño´, ademais de camiñar, o grupo vai realizar visitas culturais a espazos, monumentos e construcións que forman parte do patrimonio cultural galego. Para completar,  esta experiencia está sendo gravada para posteriormente difundila a través dun documental no que, ademais de poñer en valor o patrimonio cultural, etnográfico e ambiental de Galicia, tamén transmitirá as dificultades que as persoas con discapacidade teñen e os medios dos que dispoñen para superar estas barreiras.

Etapas do Camiño.

En total, o grupo do centro de Medelo percorrerá preto de 45 km repartidos en 4 etapas que distribúen do seguinte xeito:

Martes, 1 de outubro: Saída preto das 11:30h dende Caldas de Reis dirección San Miguel de Valga (13,5km).

Mércores, 2 de outubro: Saída ás 9:30h. de San Miguel de Valga dirección Padrón (12,4 km).

Xoves, 3 de outubro. Saída ás 10h. dende a Escravitude dirección Milladoiro (11,3 km).

Venres, 4 de outubro. Saída ás 10h dende Milladoiro dirección Santiago con previsión de chegar sobre as 13:30h. (7,6 km).