• Novas
  • 01 de marzo de 2022

Porriño e COGAMI traballarán para facer un municipio máis accesible e inclusivo

Porriño e COGAMI traballarán para facer un municipio máis accesible e inclusivo

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Servizos Sociais e Benestar Social, Abel Estévez, reuníronse co presidente da Federación COGAMI Pontevedra, Ángel Holguera, e mailo membro da xunta directiva de COGAMI, Celso Álvarez, para definir vías de colaboración entre ambas entidades.

Os responsables municipais amosaron a súa vontade de estreitar a relación con COGAMI con varios proxectos a desenvolver en materia de accesibilidade, formación e inclusión das persoas con discapacidade.

“Nesta primeira toma de contacto púxose de manifesto por ambas partes a necesidade de traballar da man”, explicou o rexedor, “Quedan moitas barreiras por derribar e moito que traballar pola inclusión para que O Porriño sexa un lugar que ofreza a todas e todos as mesmas oportunidades”.

Baixo esta premisa, o novo executivo propón a elaboración dun Plan de Accesibilidade que permita acometer de maneira planificada a eliminación de barreiras arquitectónicas e garantir o cumprimento da normativa en obra pública. “Non queremos seguir poñendo parches, é necesario sentar unas bases de actuación para facer accesibles o centro urbano e as parroquias”, indicou Lorenzo.

Tamén se valoraron outras accións conxuntas dirixidas á inclusión efectiva, social e laboral, das persoas con discapacidade.