Tras levar a cabo dende o mes de marzo unha análise exhaustiva sobre todas as incidencias atopadas en materia de accesibilidade nos espazos públicos municipais, o Concello de Xinzo de Limia presenta o primeiro plan de accesibilidade elaborado por profesionais da área de Accesibilidade de COGAMI.
A través deste plan, realizaranse actuacións durante un período de dez anos ás que se destinarán orzamentos anuais que comprenderán a cantidade económica de 100.000 euros. Así o explicaron durante a presentación do plan que estivo a cargo da alcaldesa, Elvira Lama, acompañada polo concelleiro de Infraestruturas, Rafa Penabad ademais de representantes de COGAMI entre os que se atopaban o presidente, Anxo Queiruga, o coordinador da área de Accesibilidade, Álvaro García, e o directivo da entidade membro Algaria, Óscar Pena.
En palabras da Alcaldesa “Xinzo será un concello modelo en canto á accesibilidade e inclusión das persoas con discapacidade e mobilidade reducida. A plena inclusión ten que ser o noso obxectivo”.
Anxo Queiruga, insistiu en que “a accesibilidade non vai en contra de ninguén, senón que facilita a vida de todas e todos”. Este plan comprende a intervención en todos os edificios públicos municipais, polo que “será unha folla de ruta para o desenvolvemento de futuras actuacións en materia de infraestruturas, ademais dunha guía para as rehabilitacións”.
Co fin de mellorar a vida cotiá das persoas de Xinzo de Limia, o plan de accesibilidade contempla áreas de intervención especial como o parque do Pombal, a praza da Liberdade, a avenida de Ourense no cruce coa pista de Morgade ou o Camiño Rosalía de Castro. Ademais dos edificios de titularidade municipal, tamén foron analizados os centros educativos de primaria e secundaria.