• Novas
  • 06 de junio de 2022

Profesionais e persoas usuarias do proxecto innovador de COGAMI percorren os últimos 20 km do Camiño

Profesionais e persoas usuarias do proxecto innovador de COGAMI percorren os últimos 20 km do Camiño

Un total de 12 persoas, 6 terapeutas e 6 persoas usuarias, que forman parte do Proxecto Innovador de Promoción de Autonomía Persoal que COGAMI desenvolve nas instalacións do CEGADI, en Santiago de Compostela, van realizar a etapa do Camiño Francés dende O Pedrouzo ata o Obradoiro.

A distancia vai ser percorrida en catro etapas, todas iniciarán ás 9:30 horas, saíndo a primeira delas dende O Pedrouzo o luns, 6 de xuño, dende o campo de fútbol municipal de Reboredo. As seguintes etapas serán o martes, 7 de xuño, o mércores, 8 de xuño, dende a Lavacolla e a derradeira etapa será o venres, 10 de xuño, con saída do Monte do Gozo en dirección á Praza do Obradoiro. En todas as etapas contarán cun vehículo adaptado que os irá acompañando, por se algunha das persoas precisa do seu servizo.

Nesta actividade participan persoas con mobilidade reducida que precisan cadeiras de rodas manuais e bastóns para poder desprazarse. Todas elas forman parte do Proxecto Innovador, un estudo de investigación de novas metodoloxías, técnicas e intervencións que van encamiñadas á mellora da autonomía das persoas. Cando entran a formar parte deste programa, con estadía de un ano, a persoas recibirá atención que va dende fisioterapia ata terapia ocupacional, atención psicolóxica, logopedia, traballo social, intermediación laboral e asesoramento en accesibilidade.

Para formar parte deste programa, que financia a Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social, a persoa ten que estar en situación de dependencia severa, precisar da axuda dunha terceira persoa e adaptacións tecnolóxicas. Precisamente, esta actividade da realización do Camiño deseñouse como unha continuación do traballo que dende o centro desenvolven coa persoa e a súa contorna e que se combinou cunha actividade lúdica.