Durante o ano pasado foron 106 as persoas que contactaron con COGAMI para formar parte da bolsa de voluntariado, unha actividade que iniciou a finais de 2001 e que, dende entón, conta con 1.020 persoas voluntarias inscritas.
Como facer voluntariado en COGAMI?
Para formar parte da rede de voluntariado de COGAMI é preciso contactar telefonicamente co servizo para manter unha entrevista persoal na que se abordarán os intereses, experiencias, causas e expectativas que ten a persoa para colaborar en labores voluntarias.
Que características teño que cumprir?
Para ser unha persoa voluntaria en COGAMI é necesario ser maior de 16 anos, ademais de ser unha persoa solidaria, altruísta, ter motivación e estar comprometida cos valores dunha vida en igualdade. Outras características que se valorarán son a responsabilidade, o compromiso, a motivación e a vontade de querer eliminar calquera obstáculo que se presente cara a consecución da igualdade.
Que labores de voluntariado se realizan en COGAMI?
As actividades de lecer e deportivas que organiza COGAMI son as que máis demandan o servizo de voluntariado, pero tamén é preciso este apoio durante o desenvolvemento de actividades como o acompañamento domiciliario, a realización de tarefas con necesidade de apoio educativo e a realización de charlas encamiñadas á sensibilización sobre a prevención de lesións medulares ou tamén para sensibilizar sobre o trato adecuado ás persoas con discapacidade e a accesibilidade universal, entre outras.
Que aporta o voluntariado?
Co voluntariado tanto se beneficia a persoa usuaria como tamén a persoa que está exercendo como voluntaria, que adquirirá valores como a solidariedade, compromiso, motivación, atención á diversidade, responsabilidade ademais de formación continua sobre o voluntariado, a adquisición de habilidades sociais, habilidades de axuda a outras persoas, e, sobre todo, ter a garantía de contribuír á inclusión social das persoas con discapacidade nos distintos ámbitos da vida cotiá.
Se queres facer voluntariado, neste enlace podes inscribirte http://www.cogami.gal/unete-a-nos/faite-voluntarioa/