COGAMI contou, durante dous anos, cun servizo de asesoramento a entidades e centros especiais de emprego de economía social que lles permitiu implantar e desenvolver instrumentos e ferramentas de información, de visibilización e de mellora do valor social xerado por cada unha delas.
Denominado Unidade de Valor Social, participaron 15 entidades e centros especiais de emprego que puideron desenvolver dous ciclos completos de medición do seu valor social xerado e a toma de decisións para a mellora da competitividade.
Algúns dos resultados acadados tralo remate deste proxecto é que dez das entidades participantes realizaron planes de empresa e 15 entidades desenvolveron 30 informes de valor social e 10 plans de mellora empresarial, focalizados na mellora da competitividade para manter o maior número de postos de traballo posibles para persoas con discapacidade.
Financiada polo Fondo Social Europeo, a través dunha convocatoria da Confederación Empresarial Española de Economía Social (CEPES), este proxecto promoveu o desenvolvemento de plans de empresa que tiñan como fin o mantemento do maior número de postos de traballo e cun maior impacto social no seu ámbito de actuación.
Tralo remate, a Unidade de Valor Social logra acadar os tres obxectivos marcados dende o inicio, sendo estes o mantemento dos postos de traballo, a mellora da competitividade de todas as entidades participantes e a implantación dunha nova metodoloxía de análise contable que vai máis alá do valor de mercado, calculando o impacto que xeran na sociedade.