• Novas
  • 03 de octubre de 2019

Remata a escola de vela do náutico de Sanxenxo coa participación de máis de 180 persoas de entidades e centros de COGAMI

Remata a escola de vela do náutico de Sanxenxo coa participación de máis de 180 persoas de entidades e centros de COGAMI


Un ano máis, e xa van seis dende que iniciou en 2013, remata a tempada de clases de vela lixeira adaptada que o Real Club Náutico de Sanxenxo, en colaboración coa Fundación Mapfre, lles imparte ás persoas usuarias de centros de recursos e entidades que forman parte de COGAMI. A finalidade deste programa, denominado Lecer náutico, é achegar o deporte de vela ás persoas con discapacidade.

Nesta edición participaron 184 persoas, das que 142 eran usuarias e 42 persoal de apoio dos centros de Monteporreiro, Fingoi, Medelo e Mos, ademais das asociacións Amizade, Avanzar, Acadar, Avante, Amarai, Avempo, Agadhemo, Discafis-COGAMI, Affou e Adisbismur.

Quen xa coñece a moitas das persoas que participan nestes cursos de vela é o director da escola, Adrián Domínguez, anteriormente un dos monitores que se encargou de formar aos grupos de COGAMI. Dende a experiencia súa e dos compañeiros, Adrián explicounos que para os profesionais do náutico supón unha satisfacción formar parte do programa Lecer náutico. “ É unha alegría a que nos transmiten as persoas que participan no programa”, apunta Adrián, “non hai ningunha queixa e só gañas de traballar”.

As clases de vela adaptada non son diferentes a outras clases. As persoas participantes reciben entre 30 e 45 minutos de clases teóricas nas aulas e logo, tras cambiarse de roupa e poñer o salvavidas, suben a bordo das embarcacións. As persoas usuarias de cadeira son transferidas cun guindastre e, xa na embarcación, toca pasar por todos os postos: patrón, trimmer de maior e axudante. Segundo apunta Adrián, “o monitor encárgase de saír do pantalán e xa fóra, son os propios alumnos os que se encargan de dirixir a embarcación, algo que lles encanta”.

Cando saen ás clases prácticas, realizan rutas pola costa máis próxima. “Facemos rutas como ir a Bueu ou Canelas e sempre hai piques para ver quen chega antes, porque é aquí onde cada patrón amosa as súas habilidades dirixindo a embarcación”.

A experiencia é moi positiva, “están encantados, veno como un imposible ao principio pero logo danse conta de que poden aprender a navegar sen ningunha limitación. Ademais poden gozar do mar e ás veces ata vemos arroaces”. Adrián pon tamén como exemplo a un dos participantes dos cursos de vela, que leva xa 5 anos asistindo, “controla toda a teoría e quere aprender máis e máis, e xa lle dicimos que xa o sabe todo”.

Ante o éxito de participación deste programa, o RCN de Sanxenxo está pensando en realizar cursos dirixidos a persoas con discapacidade, universitarios, xubilados dentro da programación que teñen establecida para este inverno dirixida a persoas adultas.

Nesta edición leváronse a cabo dez quendas nas que se conxugan as clases teóricas e prácticas dun curso de iniciación á vela de 20 horas de duración, e por outra, un programa de vacacións que ten como finalidade proporcionar unha experiencia de vida diferente, nun ambiente novo, cun programa de actividades flexible para poder adaptalo ás necesidades de cada persoa.