Despois de seis meses, rematou a primeira colaboración mantida entre o centro de recursos que COGAMI ten en Mos coas Palilleiras deste concello, encargadas de ensinar ás persoas usuarias do centro a facer encaixe de palillos.
Segundo declaracións da presidenta das Palilleiras de Mos, Montserrat Pereira Troitiño, “a idea naceu do interese por iniciar unha colaboración que tivese un fin terapéutico para as persoas usuarias do centro ao tempo que poñiamos en marcha un proxecto común que perdurase no tempo”. A iniciativa botou a andar coa impartición de varias sesións didácticas de tecido de palillos que remataron coa confección dun encaixe que representa o logo de COGAMI, actualmente exposto na vivenda de transición que hai en Rebullón e na que se está levando a cabo o proxecto RUMBO de autonomía persoal.
O coordinador do centro, Celso Álvarez, recibiu da presidenta das Palilleiras o resultado final do traballo realizado quen destacou “a enorme contribución deste proxecto na mellora das capacidades psicomotrices das persoas usuarias do centro de Mos que participaron neste obradoiro e o grande valor de inclusión social na comunidade”.
Os bos resultados deste proxecto común confluíron no compromiso, por ambas partes, de emprender unha nova iniciativa xuntas ao finalizar o verán.