Representantes de COGAMI e AMICO analizan a accesibilidade das instalacións da estación intermodal de Santiago
  • Novas
  • 23 de marzo de 2021

Representantes de COGAMI e AMICO analizan a accesibilidade das instalacións da estación intermodal de Santiago

Ascensores ás dársenas con ramplas de acceso dende a cidade ao complexo intermodal que facilitan os desprazamentos de persoas con mobilidade reducida, percorridos podotáctiles adaptados a persoas cegas e baños adaptados para persoas ostomizadas, isto é o que atoparon representantes da Xunta, COGAMI e a asociación AMICO (Asociación de Persoas con Discapacidade de Compostela e comarca) durante o percorrido que realizaron polas novas instalacións da estación intermodal de Santiago de Compostela.

Dende COGAMI e AMICO, seguindo coa liña de colaboración que se mantén coa Xunta para un transporte máis accesible, comprobaron en primeira persoa a accesibilidade das novas infraestruturas durante o percorrido realizado en compaña das Conselleiras de Infraestruturas e Mobilidade e a de Política Social

O novo edificio da estación de autobuses consta de 2 andares que acollen 36 dársenas nunha superficie que supera os 13.000 metros cadrados. Ademais de visitar estas instalacións, tamén comprobaron o trazado da pasarela de conexión peonil entre os barrios do Ensanche e Pontepedriña que, á súa vez, permitirá a conexión entre a estación de ferrocarril e a nova estación de autobuses.