• Novas
  • 20 de junio de 2017

Representantes de entidades europeas visitan o centro de Fingoi de COGAMI en Lugo

Representantes de entidades europeas visitan o centro de Fingoi de COGAMI en Lugo

Profesionais de entidades procedentes de Italia, Grecia, Suecia e Gran Bretaña están estes días en Galicia para coñecer como se traballa en COGAMI. O centro de Fingoi en Lugo é un dos lugares escollidos pola Confederación para que as persoas visitantes poidan coñecer máis polo miúdo tanto a  Organización como a cultura galega. Para ilo, hai programadas tanto actividades no centro como tamén se organizaron visitas pola cidade lucense.

O mércores, 21 de xuño, ás 10 horas, estarán de visita nas instalacións de Fingoi acompañados tanto das persoas usuarias deste centro como tamén do centro que COGAMI ten en Medelo, no concello pontevedrés de Silleda. A partir das 11 horas van participar nunha actividade de pintura denominada Strazaforum, onde pintarán a través de goteo e tamén utilizando partes do corpo distintas ás mans (pés, cóbados, etc.)
Pola tarde, ás 17 horas, irán dar un paseo polas murallas e pola zona monumental da cidade lucense.

O xoves, 22 de xuño, visitarán ás 10 h. a Rede Museística de Lugo onde a xerente, Encarna Lago, acompañará aos visitantes e explicaralles que significa a accesibilidade cultural, que implica o acceso á cultura de todas as persoas, sen importar a súa condición. Alí estará tamén o artista plástico Alberto Pena Rey quen falará do coñecido mural El Bosque Colectivo no que participou COGAMI na súa creación.  Ás 12:30 h. a visita cultural será ao Museo de Lugo e, pola tarde, ás 16 h. asistirán á representación performance Cidade Palabra-Escritura Falada de Vita Martínez, na que o seu corpo será o soporte da escritura e pintura.

O venres 23 de xuño, ás 10.30 h. van ser as persoas usuarias do centro de Fingoi as que impartan un obradoiro creativo de pintura onde farán partícipes ás persoas convidadas. Tras rematar, sobre as 12.15 h. dedicarán o tempo a coñecer algo máis a cidade dando un paseo polo río Miño.

Esta visita é unha das actividades de intercambio cultural que forma parte do proxecto europeo ARTS, financiado pola Unión Europea dentro do programa Erasmus+, e que ten por finalidade desenvolver unha ferramenta que permita avaliar e recoñecer as habilidades e coñecementos adquiridos polas persoas con discapacidade a través da súa participación en actividades creativas.

O programa iniciou en 2015 e rematará en 2018. Durante este tempo, cada unha das entidades que forman parte do proxecto acolleron ao resto de participantes durante unha semana que estivo centrada na organización e desenvolvemento de diferentes actividades culturais. Esta visita é a última enmarcada dentro do proxecto ARTS.

Ademais de COGAMI, o resto das entidades participantes deste proxecto son Headway Arts de Gran Bretaña, que centra a súa actividade na creación teatral con persoas con discapacidade intelectual; dende Italia chegou Teatro Núcleo, unha cooperativa social que traballa co teatro como elemento de reinserción e participación social dirixido a persoas con enfermidade mental e reclusos; dende Grecia a entidade Antigone traballa na defensa dos dereitos humanos, a paz e a non violencia, e ten un programa de arte moderno no que participan persoas con diferentes tipos de discapacidade. Por último, Medlefors de Suecia é un centro de “segunda oportunidade” para persoas adultas que quedaron excluídas dos procesos de formación ordinaria (pode ser por desmotivación, problemas de aprendizaxe, discapacidade, etc.).