• Novas
  • 03 de febrero de 2020

Representantes de “La Caixa” visitan o centro de recursos de Mos

Representantes de “La Caixa” visitan o centro de recursos de Mos


O director da oficina de "La Caixa" en Mos, Ricardo Otero Benito, xunto coa directora da área de negocio Pontevedra Sur de Caixabank, Elena Rodríguez Ferreiro, estiveron de visita no centro de recursos que COGAMI ten no concello de Mos, para coñecer o seu funcionamento e tamén para coñecer en primeira persoa os proxectos e actividades que a federación provincial COGAMI Pontevedra está a levar a cabo actualmente.

As persoas convidadas foron recibidos polo presidente da Federación COGAMI  Pontevedra, Ángel Holguera, o director do centro de recursos, Celso Álvarez, e a técnica da Federación, Estela González. Tras unha visita polas instalacións, as persoas representantes de COGAMI achegáronlles aos dous convidados as necesidades que teñen as persoas con discapacidade que acoden de luns a venres ao centro, ademais de estudar a posibilidade de colaboración económica por parte da entidade bancaria.

Durante o ano 2019, “La Caixa” colaborou na posta en marcha no pasado mes de febreiro dun proxecto piloto dunha vivenda tutelada para persoas con discapacidade física que COGAMI ten en Mos. Neste proxecto no que conviviron 12 persoas, traballáronse as habilidades para o fomento da vida autónoma de persoas que se atopan dadas de alta no centro, servindo como un adestramento en actividades da vida diaria, complementando así a actividade que se leva a cabo no centro.

O centro de recursos de Mos é un centro de día e tamén centro ocupacional con capacidade para 61 prazas, das que 44 están cubertas actualmente por persoas procedentes dos concellos de Mos, O Porriño, Redondela, Vigo, Ponteareas, Nigrán e Salceda. Algúns dos servizos que se prestan neste centro son de mantemento e rehabilitación, educación básica, obradoiros de traballos manuais , actividades de lecer, culturais e deportivas e contan con transporte adaptado ademais de servizo de comedor.