Foi a través da páxina web e das redes sociais que Silvia Lado, moza natural do concello de Carnota pero que vive en O Milladoiro, decatouse de que COGAMI ten unha bolsa de voluntariado formada por máis de mil persoas. Non o pensou dúas veces e decidiu apuntarse ela tamén como voluntaria.
Despois de recibir unha formación básica por parte da Organización, como a posta en valor das capacidades das persoas ademais de coñecer os deberes e dereitos da persoa voluntaria, Silvia empezou a colaborar no apoio educativo, a adquisición de habilidades sociais, comunicativas e interpersoais dunha moza usuaria de COGAMI, á que lle explicou dende o manexo do euro, coller un bus urbano ou léxico do idioma.
“Considero que é moi importante transmitir os teus coñecementos a outras persoas, porque é necesario erradicar aquelas situacións que xeran calquera tipo de discriminación”, apunta Silvia quen destaca da experiencia “o agradecidas que están as persoas que se benefician do voluntariado e o interese que amosan. Con moi pouquiño chegas a facer moito”.
Arestora, por cuestións de seguridade, as accións voluntarias de COGAMI están paradas e, en canto se retome a rutina, Silvia quere animar á xente a que faga voluntariado porque, segundo explica, “sénteste moi realizada e dáste conta do moito que podes axudar aos demais”. Explica incluso que, “é unha grande satisfacción persoal, cheguei incluso a emocionarme”