• Novas
  • 27 de noviembre de 2020

Terapia acuática para as persoas usuarias do Proxecto Innovador que COGAMI desenvolve no CEGADI

Terapia acuática para as persoas usuarias do Proxecto Innovador que COGAMI desenvolve no CEGADI

As instalacións do CEGADI en Santiago de Compostela acolleron un curso en terapia acuática denominado Water Specific Therapy en neuroloxía integrada en pediatría e adultos, no que participou un grupo de profesionais do Proxecto Innovador de COGAMI e tamén dos centros de recursos de Mos e de Lugo.

Impartida por Javier Güeita, titor acreditado da International Aquatic Therapy Faculty (IATF) e Presidente da Rede Española de Terapia Acuática, esta formación ten por finalidade formar a profesionais na terapia acuática para proporcionarlles ás persoas con discapacidade un entorno agradable e motivador tras traballar aspectos a nivel estrutural, funcións corporais, pasando polas actividades e a participación ata chegar a factores ambientais como son os apoios e as relacións familiares ou actitudes do seu entorno próximo e traballando tamén factores persoais como a autoestima, conducta e motivacións.

No mes de decembro está previsto que inicie o funcionamento da piscina que está nas instalacións do CEGADI. Nela traballarase co grupo de 26 persoas que forman parte deste proxecto que iniciou no verán de 2019, sendo a terapia acuática un recurso máis dos que se ofrece dentro do plan integral individual de cada persoa.

O proxecto Innovador está centrado na investigación de novas metodoloxías, terapias e intervencións encamiñadas a mellorar a autonomía das persoas en situación de dependencia dende a idade temperá. Desenvolvido coa colaboración da Xunta de Galicia, ten como obxectivo mellorar e posibilitar a inclusión das persoas con discapacidade física e/ou orgánica que precisen de apoios para unha recuperación funcional, promovendo a súa autonomía persoal.

Con catro anos de duración, o Proxecto Innovador consta dun equipo transdisciplinar formado por profesionais especialistas en fisioterapia, terapia ocupacional, neuropsicoloxía, logopedia, traballo social, investigación, accesibilidade, formación e intermediación laboral, entre outros.