• Novas
  • 12 de julio de 2017

Trameve recoñecido nos Premios RSE Galicia

Trameve recoñecido nos Premios RSE Galicia


Parabéns para a empresa de despece ecolóxico de vehículos Trameve, centro especial de emprego que forma parte de Galega de Economía Social. O 11 de xullo, na Cidade da Cultura, o xerente Luis Penido, recolleu da man da secretaria xeral de emprego, Covadonga Toca, un recoñecemento concedido polo xurado dos Premios RSE Galicia 2016.

Estes premios, que promoven e difunden a responsabilidade das empresas, recoñecen as boas prácticas nos ámbitos social, económico, de conciliación laboral e promoción da igualdade de xénero das empresas. “Para ser socialmente responsables a  nivel empresarial o que temos que facer é selo a título persoal”, explica o xerente de Trameve, “Cando cada un de nós apostamos pola economía circular, ao final conseguiremos que máis empresas traballen na economía circular, que se recicle máis, o primeiro paso para ser máis limpo e eficiente”.

Trameve foi mencionado na categoría de pequena empresa e dentro da modalidade ambiental. Para Luis Penido, este galardón “recoñece o labor que xa vimos realizando dende hai anos”. Esta empresa de economía social, que conta co 90% de persoal con discapacidade, dedícase á venda de pezas de vehículos en desuso. “Levamos feito moito con persoas con discapacidade”, comenta Luis Penido, “unha persoa non só se integra laboralmente, tamén socialmente, que é o realmente importante para nós".