• Novas
  • 21 de diciembre de 2022

Trinta mulleres do rural da provincia de Pontevedra participan nun programa de empoderamento de COGAMI

Trinta mulleres do rural da provincia de Pontevedra participan nun programa de empoderamento de COGAMI

Baixo o nome de Activando o rural, o empoderamento das mulleres con discapacidade, a área de Promoción da Autonomía Persoal de COGAMI desenvolveu un proxecto co fin de empoderar a un total de trinta mulleres con discapacidade que viven na zona rural da provincia de Pontevedra.

Financiado pola Deputación de Pontevedra, as mulleres participantes recibiron dende orientación e información sobre recursos singularizados, de atención, orientación e asesoramento persoal e social, ata a resolución de consultas especializadas no eido da discapacidade, intervencións básicas do traballo social, información de todos os recursos e servizos dispoñibles para as mulleres con discapacidade na súa contorna.

Procedentes dos concellos de A Cañiza, Mondariz, Crecente, Ponteareas, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño, todas as participantes precisaban apoio social para desenvolver o seu plan vital. Para formar parte do programa, ademais de ser muller, ter discapacidade e vivir no rural, priorizouse naquelas que vivían en especial vulnerabilidade, en situación de desemprego ou con maiores dificultades de inserción derivadas de circunstancias persoais e/ou familiares.