Máis de 500 persoas na provincia da Coruña participaron durante este ano no Servizo de atención do impacto sobre o proxecto de vida a persoas con enfermidade renal crónica e familiares, desenvolvido pola asociación Alcer Coruña.
Este proxecto, con atención presencial nos concellos de Ferrol, A Coruña, Santiago de Compostela, Culleredo, Cee e Ribeira, busca a mellora da calidade de vida das persoas con enfermidade renal crónica mediante a intervención social individualizada, o fomento da súa autonomía persoal e a participación social.
Financiado a través do Plan de Prioridades da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE) e pola Fundación ONCE, dóuselle cobertura ás necesidades psicosociais das persoas con enfermidade renal crónica que se atopen en prediálisis (ERCA) ou nalgún tratamento renal substitutivo como hemodiálise, diálise peritoneal ou transplante e aos seus familiares.
Este servizo de atención busca favorecer o desenvolvemento das capacidades físicas para manter as capacidades funcionais e reducir os procesos dexenerativos, ademais de proporcionar información, orientación e/o asesoramento en relación aos recursos sociais existentes, promover a adquisición e mellora de habilidades sociais, formativas e prelaborais de persoas con discapacidade e promover a mellora da calidade de vida e a participación social das persoas con discapacidade a través de actividades deportivas e de lecer na contorna próxima da persoa.