Co fin de fomentar a inclusión nas aulas do alumnado que ten discapacidade, dende COGAMI e COCEMFE (Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica) realizan un proxecto educativo inclusivo que pretende promover a escola inclusiva e a igualdade de oportunidades do alumnado con discapacidade.
Durante o mes de novembro, serán catro as accións formativas as que se van desenvolver e que se dividen en diferentes temáticas: o 2 de novembro será sobre patios de recreo inclusivos; o 3 de novembro falarase de Jamboard e Pictotraductor; o 4 de novembro estará dedicado a cooeducación e diversidade para rematar as sesións o 5 de novembro falando de comunicación aumentativa e/ou alternativa e recursos TIC para traballar na aula.
Para participar, só basta con enviar un correo electrónico a educacion.vigo@cocemfe.es indicando a que temática che resulta máis interesante asistir. Estas formacións son gratuítas e, no caso de que non che resulten estas datas apropiadas, é posible crear grupos para outras máis compatibles.
Resultados acadados no programa de educación inclusiva
Xa son máis de mil as alumnas e alumnos que pasaron polas aulas do proxecto Promoción da educación inclusiva e de soporte á atención ao alumnado con necesidades educativas por motivo da súa discapacidade que levan a cabo COGAMI e COCEMFE.
Co fin de promover a escola inclusiva e a igualdade de oportunidades do alumnado con discapacidade, durante o período escolar 2020, o equipo de profesionais que está distribuído nas áreas de A Coruña, Lugo e Vigo, contactou con 57 centros educativos, con 14 entidades e asesoraron a 14 familias.
Nas 25 accións formativas levadas a cabo, foron 303 as persoas formadas, a maioría docentes, pero tamén proxenitores e persoal laboral de entidades. Ademais, un total de 1.420 alumnas e alumnos participaron nos 17 obradoiros de sensibilización realizados.
Neste programa de educación inclusiva realizáronse tamén 2 accións de comunicación e prestou 31 produtos de apoio para aquelas persoas que os solicitaron.