• Novas
  • 30 de diciembre de 2019

Un total de 360 persoas beneficiáronse do programa de atención da Federación COGAMI Pontevedra

Un total de 360 persoas beneficiáronse do programa de atención da Federación COGAMI Pontevedra

Baixo o nome Atención Integral a Persoas con Discapacidade da Provincia de Pontevedra, a Federación COGAMI Pontevedra levou a cabo un programa que proporcionou atención e apoio tanto a persoas con discapacidade como ás entidades co fin de fomentar a súa autonomía e vida independente.

Financiado pola Deputación de Pontevedra con 40.000€, este programa desenvolveuse a través de varias actividades como fisioterapia, logopedia, danzaterapia, termalismo, sensibilización social e a través tamén do servizo de información e asesoramento, participando un total de 363 persoas con discapacidade da provincia.

Tras un estudo realizado durante o ano 2018 por parte da Federación COGAMI Pontevedra para analizar e recoller as necesidades máis demandadas polas persoas con discapacidade usuarias, decidiron poñer en marcha servizos como o de información e asesoramento do que se beneficiaron ao longo deste ano 172 persoas.

Con respecto á fisioterapia, servizo que se levou a cabo nas instalacións que COGAMI ten en Vigo e Mos, participaron 35 persoas mentres que 97 persoas foron as que asistiron ás sesións de rehabilitación da linguaxe. Na comarca de Tabeirós e Deza foi onde se desenvolveu o programa de termalismo nas que 27 persoas contaron con sesións termais e 32 persoas da comarca de Vigo participaron en danzaterapia.

Este programa desenvolveu atención e apoio ás 16 entidades que conforman o movemento asociativo da Federación COGAMI Pontevedra, para que todas elas poidan acceder ás subvencións e axudas que posibiliten a súa autonomía trala contratación de persoal que se encargue da súa xestión.