As persoas usuarias do centro de recursos que COGAMI ten en Medelo estiveron percorrendo as rúas do concello de Silleda para comprobar o funcionamento de #AccesibilidadAPP, unha aplicación de participación cidadá que permite comunicar incidencias sobre a accesibilidade que nos imos atopando conforme nos desprazamos pola rúa.
Durante o período de tempo que comprobaron esta APP, aproximadamente unha hora, recolléronse máis de 30 puntos inaccesibles para as persoas con mobilidade reducida, unhas incidencias que se subiron á APP para deixar constancia das mesmas.
Esta aplicación, que forma parte dun proxecto que financia COCEMFE a través da X Solidaria e en colaboración con Fundación Vodafone España, pode descargarse gratuitamente en Playstore para calquera formato de telefonía móbil.
Durante estes días, persoas usuarias do centro de recursos de Medelo estiveron aprendendo a manexar a denominada #ACCESIBILIDAPP para recoller todas as incidencias de accesibilidade localizadas tanto en rúas como en edificios, infraestruturas e transporte. Rebaixes mal feitos, carencia de ramplas, beirarrúas en mal estado son algunhas das incidencias subidas á aplicación.