A Asociación Ourensá de Esclerose Múltiple, ELA, Párkinson e outras enfermidades neurodexenerativas (AODEM) inicia un novo programa de implementación dunha páxina web interactiva que nos permita mellorar e adaptar os servizos que ofrece a entidade ás novas tecnoloxías da información e a comunicación (TIC), favorecendo a participación activa e autónoma da poboación destinataria no seu propio proceso de mellora. Estímase que ao redor de 166 persoas beneficiaranse del.
Para poder levalo a cabo dispón do cofinanciamento da Xunta de Galicia de 5.036,50€ procedentes da convocatoria de subvencións que as persoas contribuíntes derivan marcando a X Solidaria na declaración da renda.
Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), a taxa de esclerose múltiple en España é de 1,44 persoas cada 1000 habitantes, a da enfermidade de Párkinson é de 2,74 e a das enfermidades raras de 2,78. As cifras aumentan na nosa Comunidade Autónoma, situándose en 1,60 a de esclerose múltiple (Ourense é a provincia española coa taxa máis elevada –1,84– a nivel estatal), en 4,91 a de Párkinson e en 2,86 a de enfermidades raras.