• Novas
  • 14 de abril de 2023

Vontade realiza terapias con nenos e nenas da comarca do Baixo Miño

Vontade realiza terapias con nenos e nenas da comarca do Baixo Miño

COGAMI xestiona o recurso de atención temperá que a Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño puxo en marcha no ano 2020 para ofrecer a menores de 6 anos atención psicolóxica, de logopedia e de fisioterapia. Dende a asociación Vontade apoian este recurso e compleméntano ofrecendo un servizo de terapia ocupacional ás persoas usuarias de atención temperá e familias.

Este servizo que ofrece Vontade, é posible a través da cofinanciación da Xunta de Galicia que xestiona os cartos do 0,7% do IRPF daquelas persoas que marcan o recadro 106 de Actividades de interese xeral consideradas de interese social, coñecida como a X Solidaria. Ademais, contan con profesionais da psicoloxía e do traballo social que lle dan continuidade ás terapias recibidas polos menores cando superan os seis anos de idade.

Dende esta entidade do Baixo Miño, con ámbito de actuación nos concellos de A Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui, ofrécese atención especializada á infancia que presenta dificultades no desenvolvemento ou con risco de padecelas. Na procura de acadar a máxima autonomía da infancia que acode ao servizo, realizan acompañamento psicosocial e de asesoramento ás familias, sen deixar de lado a importancia da sensibilización e concienciación social, actividade fundamental para acadar unha cultura inclusiva.