• Novas
  • 03 de noviembre de 2021

Xuntanza de COGAMI co presidente da Xunta para seguir avanzando na inclusión en todos os ámbitos

Xuntanza de COGAMI co presidente da Xunta para seguir avanzando na inclusión en todos os ámbitos

Para seguir avanzando cara á plena inclusión das persoas con discapacidade en todos os ámbitos, o presidente da Xunta apelou “á necesidade dun traballo conxunto entre administracións e entidades sociais”. Alberto Núñez Feijóo dixo estas palabras durante a xuntanza que mantivo co presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, quen foi acompañado polo vicepresidente 1º, Ramón Sestayo, o secretario, Víctor Silva, e a directora de Negocio de COGAMI Empresarial, Rosa Gutiérrez.

Nesta xuntanza, o presidente Feijóo destacou o compromiso de COGAMI para acadar esta meta, reflectidos nos máis de trinta anos dedicados a facilitar a vida e mellorar o benestar das persoas que máis o precisan, a través da defensa e promoción dos seus dereitos, da reivindicación do cambio social, da potenciación do asociacionismo e da prestación de servizos.

Dende COGAMI presentáronlle ao Presidente da Xunta todos os resultados acadados pola Organización durante este ano, especialmente os vencellados ás actividades desenvolvidas en materia de formación, orientación e inserción laboral. Tamén se trasladaron os resultados dos 11 centros especiais de emprego de iniciativa social e anticipáronse os novos proxectos de desenvolvemento que a entidade pretende afrontar no marco dos fondos Next Generation.

Aproveitouse esta xuntanza para recoñecer o “compromiso que mantén a Xunta con nós e co grupo social que representamos”, expresou Anxo Queiruga, en particular pola sensibilidade amosada en relación ás necesidades de transporte das persoas con discapacidade usuarias dos centros de recursos, localizados en zonas de grande dispersión xeográfica e con carácter eminentemente rural da poboación. Por último, dende COGAMI trasladouse a importancia de contar en breve co novo decreto de accesibilidade.