O 7 de xuño, ás 10:30 horas, dende a Praza Maior de Lugo, vai ter a saída a terceira edición da Carreira solidaria pola doazón de órganos e tecidos que organiza a asociación ALCER Lugo.
Esta actividade ten como finalidade concienciar á poboación da importancia de ser doante de órganos e tecidos e, sobre todo, da importancia que ten informar á contorna máis próxima, á familia, da decisión tomada de ser doantes, para que no momento do falecemento a decisión lles sexa máis fácil de tomar. Aínda que en España todas as persoas somos doantes, salvo que haxa unha negación ante notario, séguese respectando a decisión da familia.
A carreira constará dun percorrido de 130 m para os pitufos (non competitiva); 1,08 km (3 voltas completas á Catedral) para sub10/sub12; 1,44 km (4 voltas completas á Catedral) para sub14/sub16; 4,7 km (2 voltas á Muralla) para a carreira de adultos e 2,2 km (1 volta á Muralla) para a andaina.
Visibilizar para sensibilizar
Esta carreira ten como finalidade concienciar sobre a importancia de coidar os nosos riles, a través de conductas preventivas, ademais de informar sobre os factores de risco como a hipertensión, diabetes, obesidade, etc.
A enfermidade renal afecta ao 15,1% da poboación española, e Galicia é unha das comunidades coa cifra máis alta. Ao 31 de decembro de 2025, había 266 pacientes en Galicia á espera dun transplante de órganos: 203 pacientes do ril, 13 de corazón, 9 de pulmón, 27 de fígado e 14 de páncreas. Unha persoa doante de órganos pode salvar ata oito vidas mentres que as doantes de tecido poden axudar coa curación de ata 75 persoas. A xente que doa as súas córneas pode restablecer a vista a dúas persoas e non existe idade límite para a doazón.
As persoas sas teñen a alternativa de converterse en doantes vivos. Na doazón en vivo dun ril, que é o tipo máis frecuente de transplante con doante vivo, alguén doa un dos seus riles sans a un receptor. A xente sa e con excelente función renal só necesita un ril para levar unha vida normal e activa.
Outra alternativa é converterse en doante vivo de fígado. Nese caso, extráese unha parte do fígado do doante e colócalla dentro do receptor. O fígado do doante volve medrar ata o seu tamaño normal en cuestión de semanas.
Debido a que o fígado se rexenera continuamente, as persoas maiores, mesmo de 80 ou máis anos de idade, tamén poden doalo.
A taxa de doantes en Galicia é de 52,8 por millón de habitantes, unha cantidade algo superior que no resto de España pero insuficiente para a demanda real. En Galicia, no ano 2025 a taxa de negativas familiares á doazón foi dun 21%, menos que no resto de España, pero aínda un valor elevado.
Cómpre sinalar que a enfermidade renal crónica (ERC) supón unha perda de calidade de vida para o paciente, xa que produce unha diminución progresiva da súa autonomía e capacidade funcional, entre outras cousas.
