AVEMPO celebra este domingo o Móllate pola Esclerose Múltiple co tradicional mangueirazo solidario dos bombeiros

A Asociación Viguesa de Esclerose Múltiple de Pontevedra (AVEMPO), entidade membro de COGAMI, celebra este domingo a novena edición da campaña solidaria Móllate pola Esclerose Múltiple, a única cita que terá lugar en Galicia dentro desta iniciativa promovida por Esclerose Múltiple España, que se desenvolverá simultaneamente en máis de 800 praias e piscinas de todo o país.

A explanada situada fronte á praia do Adro volverá acoller unha xornada de sensibilización e solidariedade para dar visibilidade á esclerose múltiple, unha enfermidade neurolóxica que afecta a máis de 4.500 persoas en Galicia, e recadar fondos destinados a manter os servizos de atención, rehabilitación e acompañamento que AVEMPO ofrece ás persoas afectadas e ás súas familias.

Ao longo da mañá haberá unha carpa informativa atendida por persoas socias e voluntarias da entidade, actividades para todos os públicos, venda de merchandising solidario e actuacións musicais de bandas locais viguesas que participan de maneira altruísta.

Un dos momentos máis agardados da xornada será o tradicional mangueirazo solidario, protagonizado polos bombeiros do Concello de Vigo a partir das 13.00 horas. Ademais, o evento acollerá a estrea da banda Dirty Coyote, que ofrecerá o seu primeiro concerto en directo, xunto ás actuacións dos grupos Cerne, The Canelita's e Simon's.

Desde AVEMPO fan un chamamento á cidadanía para sumarse a esta campaña solidaria e contribuír a dar visibilidade á esclerose múltiple. Cada participación e cada colaboración axudan a facer posible a continuidade dos servizos que a entidade presta desde hai 30 anos ás persoas con esclerose múltiple e ás súas familias.

Consulta o cartel para coñecer a programación completa da xornada e os horarios das distintas actividades e actuacións previstas.