As persoas usuarias do centro de recursos que COGAMI ten en Medelo son as protagonistas de `Nós´, unha mostra fotográfica realizada por Luis Taboada Brea na que reflicte en 48 instantáneas o traballo que se realiza no centro.
Durante dous anos estivo este fotógrafo de Lalín, tempada que coincide co seu voluntariado no centro, retratando a vida de Medelo, unha mirada sobre as actividades que alí se desenvolven durante cada día de luns a venres.
O acto de apertura terá lugar ás 12:00 horas incluíndo a proxección dun vídeo sobre o traballo de selección das fotografías, a actuación de pandereteiras de Fortín da Pomba e unha degustación culinaria de produtos realizados no obradoiro de cociña do centro.
CoñeceNOS, xornada de convivencia
A mostra poderá verse ata o 7 de decembro na Casa da Cultura e arredor dela celebraranse tamén outras actividades para visibilizar o traballo que se vén realizando no centro que conta con 12 persoas traballadoras que atenden a 27 persoas usuarias das comarcas do Deza, Tabeirós e Terra de Montes.
O centro de recursos de Medelo, ademais de ofrecer servizo de transporte adaptado, tamén conta con servizo de comedor e ofrece tanto formación básica como dirixida cara ao emprego, ademais de actividades de rehabilitación e mantemento, obradoiros de artesanía en cestería, la e coiro, e tamén realiza actividades deportivas, culturais e de lecer co fin de mellorar a autonomía das persoas con discapacidade que acoden ao centro de luns a venres.