COGAMI celebrou recentemente a xornada “Da nosa historia ao noso modelo: COGAMI centrada na persoa”, un espazo de reflexión e intercambio de experiencias que serviu para reforzar a implantación da Atención Integral Centrada na Persoa (AICP) en toda a organización.
A xornada enmarcouse no proceso de transformación que COGAMI está a impulsar para consolidar un modelo de intervención centrado nos proxectos de vida das persoas, promovendo a súa autonomía, participación e capacidade de decisión. Neste sentido, púxose de manifesto que a AICP non é unha metodoloxía allea á traxectoria da entidade, senón unha evolución natural dunha forma de traballar baseada na defensa dos dereitos, a inclusión e a igualdade de oportunidades.
Durante a mesa dedicada ao ámbito empresarial compartíronse diversas experiencias que exemplifican como este enfoque se aplica tamén nos Centros Especiais de Emprego de COGAMI Empresarial.
Un dos exemplos destacados foi a figura da persoa áncora, unha iniciativa que busca reforzar o acompañamento individualizado das persoas traballadoras, facilitando a comunicación, a detección de necesidades e a coordinación dos apoios necesarios para favorecer o seu benestar e desenvolvemento profesional. Esta figura contribúe a humanizar os espazos laborais, fortalecendo unha atención máis próxima e personalizada e facilitando que cada persoa poida desenvolver o seu proxecto profesional en función das súas necesidades e expectativas.
Tamén se puxeron en valor experiencias que forman parte da historia de COGAMI Empresarial e que reflicten os principios da AICP mesmo antes de que o modelo tivese a súa formulación actual. Entre elas destaca o proceso iniciado en 2010 para adaptar postos de traballo a persoas que, por cambios na súa situación funcional, precisaban novas condicións para continuar desenvolvendo a súa actividade laboral. Estas actuacións implicaron reorganizar tarefas, funcións e postos de traballo tendo en conta as capacidades e potencialidades de cada persoa, favorecendo a continuidade laboral e a igualdade de oportunidades.
Outro exemplo significativo é a tenda formativa de Pull&Bear, un proxecto desenvolvido en colaboración cos servizos de emprego que naceu co obxectivo de mellorar a capacitación profesional e facilitar a incorporación ao mercado laboral ordinario. A continuidade desta iniciativa ao longo dos anos evidencia o valor dun modelo centrado nas aspiracións, intereses e proxectos de vida das persoas.
Durante a xornada tamén se recoñeceu o papel fundamental das xerencias, coordinacións e equipos profesionais dos Centros Especiais de Emprego. Son estes profesionais quen, no día a día, manteñen un contacto directo coas persoas traballadoras, identifican necesidades, impulsan melloras e buscan solucións que permitan compatibilizar a atención individualizada coa actividade produtiva dos centros. O seu labor resulta clave para trasladar os principios da Atención Integral Centrada na Persoa á realidade cotiá de cada equipo.
Neste contexto, compartíronse diversas experiencias desenvolvidas en Dixardín que amosan como a atención ás persoas vai máis alá do ámbito estritamente laboral. Entre outras actuacións, destacouse o acompañamento e orientación en xestións persoais e administrativas, o apoio en procesos sanitarios ou formativos, a coordinación coas familias para favorecer a participación laboral das persoas e a colaboración na procura de recursos que contribúan ao seu benestar, autonomía e desenvolvemento persoal.
A xornada desenvolveuse no marco do proxecto “A Atención Integral Centrada na Persoa e a Sostibilidade Ambiental: Pancas para o mantemento do emprego e o fortalecemento do negocio en COGAMI Empresarial”, unha iniciativa cofinanciada polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) a través do programa EFESO 2021-2027 e impulsada por CEPES. O proxecto busca avanzar na implantación da Atención Integral Centrada na Persoa en todos os ámbitos de COGAMI Empresarial, reforzando a participación das persoas profesionais na transformación organizativa e promovendo contornas laborais máis inclusivas, sostibles e centradas nas persoas.
Estas experiencias evidencian que a Atención Integral Centrada na Persoa constitúe un nexo común entre as distintas áreas de COGAMI e unha ferramenta clave para seguir avanzando cara a contornas máis inclusivas, humanas e respectuosas cos proxectos vitais de cada persoa.