A finais de 2025, COGAMI Empresarial impulsou novas accións formativas dirixidas aos equipos de Dixardín e Hornos de Lamastelle, nas que participaron un total de 100 persoas traballadoras, 14 de Dixardín e o resto de Hornos de Lamastelle.
Estas sesións desenvolvéronse no marco do proxecto “A Atención Integral Centrada na Persoa e a Sostibilidade Ambiental: Pancadas para o mantemento do emprego e o fortalecemento do negocio en COGAMI Empresarial”, cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) dentro do programa EFESO 2021-2027, a través de CEPES.
O principal obxectivo destas formacións foi seguir avanzando na construción de contornas laborais seguras, inclusivas e respectuosas, reforzando a cultura organizativa do grupo e promovendo relacións laborais baseadas na igualdade de oportunidades, o respecto mutuo e a corresponsabilidade.
Durante as sesións abordáronse contidos clave relacionados coa igualdade, a diversidade e a prevención do acoso no ámbito laboral. As persoas participantes puideron afondar na identificación das diferentes tipoloxías de acoso —sexual, por razón de sexo, por orientación ou identidade, discriminatorio ou psicolóxico— así como na diferenciación entre conflito laboral e condutas inadecuadas.
Así mesmo, traballouse o coñecemento e a aplicación dos protocolos internos de prevención e actuación fronte ao acoso, reforzando a importancia de contar con ferramentas organizativas claras para garantir espazos de traballo libres de violencia e discriminación.
Outro dos eixes fundamentais da formación foi o desenvolvemento de habilidades de comunicación interpersoal. Neste sentido, introducíronse principios de comunicación non violenta, unha metodoloxía que permite expresar necesidades e emocións de maneira construtiva e empática, favorecendo a resolución de conflitos e evitando situacións de confrontación.
Ademais, as sesións incluíron contidos sobre igualdade e xestión da diversidade, abordando conceptos como a igualdade real e efectiva, os estereotipos de xénero ou as desigualdades existentes no ámbito laboral, co obxectivo de promover unha maior conciencia crítica e fomentar contornas máis inclusivas.
Este tipo de accións formativas forman parte do compromiso de COGAMI Empresarial co desenvolvemento de organizacións centradas nas persoas, nas que o benestar do persoal, a igualdade de oportunidades e o respecto mutuo se integran como elementos clave para fortalecer os equipos de traballo e garantir a sostibilidade das empresas do Grupo.