Hornos de Lamastelle, empresa de COGAMI Empresarial, elaborou e aprobou o seu Plan de Acción para a Prevención das Perdas e o Desperdicio Alimentario 2026-2028, unha nova medida que reforza o seu compromiso coa sostibilidade ambiental e coa mellora continua dos seus procesos produtivos.
Con máis de 25 anos de traxectoria e unha produción de 3.000 toneladas de produto elaborado en 2024, a empresa dá un paso máis na incorporación de prácticas responsables que permitan reducir o desperdicio de alimentos e aproveitar mellor os recursos ao longo da súa actividade.
O plan dá resposta á Lei 1/2025, do 1 de abril, de prevención das perdas e o desperdicio alimentario, que establece a obriga para as empresas da cadea alimentaria de contar cun instrumento de planificación orientado a minimizar o descarte de alimentos aptos para o consumo. Ademais, intégrase no Plan de Acción de Sostibilidade Ambiental de Hornos de Lamastelle e está aliñado coa Estratexia de Sostibilidade Ambiental de COGAMI Empresarial 2024-2030.
O documento establece medidas e metas concretas para as dúas instalacións da empresa. Na planta actual de Oleiros, o obxectivo é reducir un 10 % os quilos sobrantes de masa e recheo, o produto non conforme e as materias primas descartadas por caducidade, tomando como referencia a liña base de 2026.
Tamén se prevé garantir a correcta rotación do 100 % das materias primas críticas mediante os sistemas FIFO-FEFO, que permiten priorizar o uso dos produtos segundo a súa entrada e a súa data de caducidade. Outro dos compromisos é rexistrar a totalidade dos excedentes aptos e priorizar alternativas de aproveitamento superiores á valorización enerxética, como a doazón, a alimentación animal ou a súa transformación en subprodutos.
Pola súa banda, a nova planta de Carballo, cuxa posta en marcha está prevista para 2028, incorporará desde o seu deseño sistemas de medición e control do desperdicio no 100 % das liñas de produción. O plan fixa como meta reducir un 50 % as mermas iniciais respecto da planta actual e deseñar procesos que permitan valorizar a totalidade dos excedentes aptos, habilitando espazos específicos para a súa xestión.
Como traballo previo, Hornos de Lamastelle desenvolveu xunto coa Universidade da Coruña un estudo de viabilidade sobre o compostaxe dos residuos orgánicos procedentes da masa e das empanadas. A proba piloto, cunha duración de seis meses, obtivo resultados satisfactorios, polo que esta alternativa se valora como unha posible solución para a nova planta de Carballo.
A elaboración e aprobación deste plan enmárcase no proxecto «A Atención Integral Centrada na Persoa e a Sostibilidade Ambiental: panca para o mantemento do emprego e o fortalecemento do negocio en COGAMI Empresarial», impulsado por CEPES e cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus a través do Programa EFESO (expediente 241.a03054.C.T.).
Con este plan, Hornos de Lamastelle continúa avanzando na integración da sostibilidade ambiental na súa actividade, establecendo compromisos medibles para reducir as perdas alimentarias, optimizar os recursos e mellorar o aproveitamento dos excedentes.