O proxecto «A Atención Integral Centrada na Persoa e a Sostibilidade Ambiental: pancas para o mantemento do emprego e o fortalecemento do negocio en COGAMI Empresarial» afronta a súa recta final, co peche previsto para decembro de 2026, cun balance positivo dos resultados acadados ata o momento. En total, 184 persoas participaron nalgunha das accións formativas desenvolvidas, sumando 235 participacións.
Case o 80 % das persoas participantes, concretamente o 79,89 %, teñen discapacidade. Ademais, as formacións chegaron a nove entidades e liñas de actividade do grupo, entre as que se atopan Hornos de Lamastelle, COREGAL e outras empresas vinculadas a COGAMI Empresarial. Estas cifras permiten superar xa os obxectivos iniciais de impacto en persoas beneficiarias, aínda que está previsto que poida desenvolverse algunha acción formativa máis antes de finalizar o ano.
O proxecto, impulsado por CEPES e cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus a través do Programa EFESO (expediente 241.a03054.C.T.), naceu coa finalidade de reforzar tanto as competencias profesionais das persoas traballadoras con discapacidade como as capacidades técnicas e de xestión do persoal das empresas do grupo. Para iso, articulouse arredor de dous itinerarios formativos complementarios.
O primeiro itinerario centrouse na mellora das competencias laborais e transversais das persoas traballadoras con discapacidade, co obxectivo de consolidar os seus postos de traballo e favorecer a súa evolución profesional.
A través desta liña formáronse 149 persoas, das que o 88,59 % teñen discapacidade, cun total de 163 participacións en oito entidades do grupo. As accións abordaron materias diversas, como inclusión e comunicación non violenta, prevención do acoso, saúde e motricidade laboral, condución eficiente ou formación como monitorado de tempo libre.
Como resultado deste itinerario, 11 persoas obtiveron unha cualificación que lles permite asumir novas tarefas e ampliar as súas posibilidades profesionais.
O segundo itinerario dirixiuse ao persoal técnico e directivo das entidades, co propósito de proporcionarlles ferramentas para avanzar na implantación da Atención Integral Centrada na Persoa (AICP) como modelo de xestión e reforzar os coñecementos técnicos en materia de sostibilidade ambiental.
Neste ámbito, 35 persoas participaron nas accións formativas, cun 42,86 % de persoas con discapacidade, sumando 72 participacións en nove entidades.
A formación en AICP abordou os fundamentos e piares desta metodoloxía, a figura da persoa de referencia ou persoa áncora e a súa aplicación na xestión interna das organizacións. Pola súa banda, o bloque de sostibilidade ambiental incluíu contidos como a pegada de carbono, a elaboración de memorias de sostibilidade, a economía circular, a regulación sobre microplásticos e o deseño de plans directores de sostibilidade.
Con esta combinación de formacións, COGAMI Empresarial busca avanzar nun modelo que sitúe as persoas no centro da organización e que, ao mesmo tempo, impulse a responsabilidade ambiental e a mellora da xestión empresarial.
A través deste proxecto, COGAMI Empresarial reforza a cualificación e a estabilidade laboral das persoas traballadoras, ao tempo que dota os equipos técnicos e directivos de novos coñecementos para afrontar os retos da atención centrada na persoa e da sostibilidade ambiental.