A directora do Departamento Laboral de COGAMI Empresarial e adxunta á Dirección Xeral participou neste foro de Recursos Humanos, organizado por Landín Informática e Factorial, para abordar a dixitalización dos procesos de administración laboral e a optimización da xestión de persoas.
A dixitalización dos procesos de administración laboral e a optimización das tarefas de xestión de persoas foron os eixes da intervención de Naiara Goicoechea Montero, directora do Departamento Laboral de COGAMI Empresarial e adxunta á Dirección Xeral, na nova edición de Transforma HR, o foro de Recursos Humanos organizado por Landín Informática e Factorial.
Durante a súa participación na mesa de clientes Como o están facendo as empresas, Goicoechea explicou como ferramentas dixitais como a3innuva e Factorial poden contribuír a optimizar os procesos de administración laboral, facilitando a organización das tarefas e mellorando a xestión da información nas empresas.
A súa intervención permitiu tamén achegar a realidade de COGAMI no seu conxunto, dando a coñecer o labor da Organización e a súa experiencia no ámbito empresarial e da inclusión sociolaboral das persoas con discapacidade.
A mesa compartiuse con Víctor Pardavila, responsable de Recursos Humanos de Mascato, nunha sesión na que se puxeron en común experiencias prácticas sobre a transformación dixital e os cambios que esta introduce no funcionamento das organizacións.
O encontro abordou tamén outros desafíos actuais da xestión de persoas, como a atracción e fidelización do talento, o absentismo e as cuestións xurídicas relacionadas coa Seguridade Social, nun contexto no que a tecnoloxía está a adquirir un papel cada vez máis relevante nos procesos empresariais.
A participación de COGAMI Empresarial neste tipo de espazos permite compartir coñecementos e experiencias profesionais, así como dar visibilidade ao traballo que desenvolve a Organización no ámbito da xestión laboral e empresarial.