Neste 3 de maio, Día Nacional da Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, COGAMI únese á campaña #SumandoCuidados que lanza a Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica (COCEMFE), co obxectivo de visibilizar as principais problemáticas e retos no acceso á saúde e tratamentos das persoas con discapacidade física e orgánica.
Ao abeiro desta campaña preséntanse dous estudios 'Informe sombra en el marco de la revisión periódica de la Convención de los Derechos de Personas con Discapacidad: La brecha de derechos en salud de las personas con discapacidad física y orgánica' e 'Estudio sobre sobre los factores condicionantes del acceso a tratamientos y terapias adecuadas en las personas con discapacidad física y orgánica en España’, que recollen un diagnóstico profundo das carencias do sistema sanitario dende unha perspectiva de dereitos.
Segundo estes estudos, as persoas con discapacidade física e orgánica enfrontan barreiras estruturais e sistemáticas que vulneran o seu dereito á saúde, recoñecido pola Convención das Nacións Unidas. Teñen dificultades de acceso por falta de accesibilidade física e dixital, desigualdades territoriais, copagos elevados, carencias en saúde mental, ausencia de continuidade asistencial e unha visión excesivamente biomédica que non atende ao benestar integral das persoas.
O 89,4% das persoas con discapacidade con discapacidade física e orgánica non accede a rehabilitación a través da sanidade pública e o 84,7% non recibe rehabilitación por ningunha vía, mentres que o 88,5% non accede a apoio psicoterapéutico. Máis do 10% sentiuse discriminada nos servizos sanitarios. Ademais, os elevados copagos e a falta de financiación de medicamentos esenciais xeran un sobre custo que limita o acceso a tratamentos, especialmente en enfermidades raras ou crónicas.
A estas barreiras súmanse a falta de formación do persoal sanitario en trato inclusivo e de recursos para proporcionar unha atención axeitada, a exclusión en programas de saúde pública e a ausencia dunha regulación estatal que garanta a rehabilitación como dereito universal. O impacto dos determinantes sociais como a precariedade económica ou a exclusión social, tamén inciden directamente na saúde física, mental e emocional das persoas con discapacidade.
Para o noso movemento asociativo, entre as principais propostas recollidas, destacamos: eliminar as barreiras arquitectónicas e dixitais en centros sanitarios; garantir la equidade territorial no acceso a tratamentos, rehabilitación e dispositivos de apoio; reforzar a saúde mental; asegurar a asequibilidade de medicamentos; e proporcionar ao persoal sanitario todas as ferramentas que necesitan para poder ofrecer un trato inclusivo.