A Asociación Vontade pon en marcha o proxecto "Aula Vont@de" dirixido ás persoas con discapacidade física da comarca do Baixo Miño, co obxectivo de facilitar o acceso e uso das novas tecnoloxías. Este proxecto é posible grazas á cofinanciación da Xunta de Galicia, a través das subvencións destinadas a programas de interese xeral para fins de carácter social, financiadas co 0,7% do IRPF e xestionadas por COGAMI.
A comarca do Baixo Miño é unha zona rural onde o illamento social é máis pronunciado, especialmente nas persoas con discapacidade. As novas tecnoloxías poden xogar un papel fundamental na inclusión social, eliminando barreiras físicas. Con todo, existen dificultades de acceso, como a falta de formación, mobiliario adaptado ou dispositivos específicos.
Co proxecto "Aula Vont@de", a Asociación adquiriu 12 novos equipos informáticos e diversos periféricos adaptados, como teclados braille, ratos de bola, premedores e sistemas de comunicación alternativos, que facilitarán o uso destas tecnoloxías ás persoas con discapacidade. As persoas usuarias poderán acceder a estes servizos mediante cita previa e contarán co apoio dun ou dunha profesional da entidade para axudar en caso de dificultades.
Este proxecto non só promove a realización de xestións en liña, senón que tamén impulsa a inclusión social, educativa e cultural das persoas con discapacidade, facilitándolles o acceso a un servizo esencial na actualidade. Ademais, Vontade continúa co seu programa de Atención Temperá e Atención á Infancia, dirixido a nenos e nenas con discapacidade ou en risco de tela, tamén financiado pola Xunta de Galicia a través dos fondos do 0,7% do IRPF para fins sociais.