A Deputación da Coruña apoia a COGAMI para favorecer a inclusión laboral das persoas con discapacidade

O presidente de COGAMI, Anxo Queiruga Vila vén de asinar co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, un convenio de colaboración para cofinanciar o servizo Emprego dirixido ás persoas con discapacidade.


A través deste acordo a Deputación achega 100.000 euros, o que representa o 21,33% dun orzamento total de 468.768 euros que será destinado ao desenvolvemento de accións específicas que teñen como obxectivo mellorar a inserción laboral dun colectivo que presenta especiais dificultades no acceso ao mercado de traballo, tal e como reflicten os informes anuais do mercado de traballo realizados polo SEPE.

Nesta liña, o proxecto contempla un conxunto de accións orientadas a incrementar as oportunidades das persoas con discapacidade a través dun servizo especializado que contempla entrevistas ocupacionais individualizadas; información, orientación e asesoramento laboral; intermediación laboral; xestión de ofertas de emprego; accións de mellora da empregabilidade e seguimento das persoas inseridas laboralmente para coñecer a súa evolución na empresa e favorecer a estabilidade.

Dende o ano 1996, o servizo de Emprego impulsa accións específicas de inserción laboral para persoas con discapacidade, rexistrando 37.735 contratacións en Galicia. No que vai de 2025, o programa logrou a inserción laboral de 698 persoas, cun total de 912 contratos.

O presidente provincial puxo en valor "o traballo impulsado dende COGAMI, que resulta fundamental para a inserción social e laboral das persoas con discapacidade" e salientou o compromiso da Deputación "coa igualdade de oportunidades e a inclusión social e laboral co apoio de programas coma este, que son moi importantes á hora de favorecer a integración das persoas con discapacidade no mercado de traballo".

Anxo Queiruga, sinalou que "para nós é fundamental o compromiso no tempo da Deputación da Coruña cos servizos que prestamos en COGAMI e no noso movemento asociativo porque melloran a autonomía e a calidade de vida das persoas con discapacidade. O emprego é fundamental para unha inclusión real".

Galería de imaxes

Todas