Durante dúas xornadas de cinco horas cada unha, a área de Accesibilidade de COGAMI levou a cabo unha formación dirixida ao persoal técnico da Axencia Galega de Infraestruturas, organismo dependente da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas da Xunta de Galicia. Esta entidade é a encargada de xestionar a infraestrutura viaria da Rede de Estradas Galega e os servizos asociados.
A formación, de carácter teórico e práctico, abordou contidos relacionados coa lexislación en materia de accesibilidade universal. En total, impartíronse 10 horas de clases teóricas que culminaron cunha xornada práctica de sensibilización titulada `Ponte no meu lugar´, onde as máis de cincuenta persoas participantes, profesionais da arquitectura e da enxeñería, experimentaron as dificultades que viven as persoas usuarias de cadeira de rodas cando se desprazan por vías que non cumpren a normativa vixente.
A actividade desenvolveuse nas inmediacións do edificio da Xunta de Galicia en Santiago de Compostela e contou coa presenza da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e o director da AXI, Francisco Menéndez, quen acompañaron ao presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, e ao coordinador da Área de Accesibilidade, Álvaro García, durante a última parte do percorrido. Diego Piñeiro, técnico responsable da formación, tamén estivo presente na actividade.
“Tratábase de ver como funcionan as cousas vistas dende unha cadeira de rodas e indo máis alá, que a accesibilidade é un beneficio para toda a sociedade”, explica Anxo Queiruga. Engadía tamén que “é unha experiencia que dá unha visibilidade de como funcionan os adoquíns, espazos irregulares, como vai o empedrado, como afectan as raíces das árbores que van invadindo os itinerarios e que os pavimentos non permitan a circulación con seguridade”. Anxo remataba poñendo a importancia do compromiso con todo o persoal técnico da administración pública por participar nesta actividade de sensibilización.
A Conselleira agradecía a COGAMI a colaboración por supervisar os proxectos que saen do seu departamento e indicou que “son moitas as colaboracións que temos con vós e seguiremos nesta senda. Aprendemos e sabemos que temos moito que mellorar”. María Martínez anunciaba que “máis de 3.000 vivendas accederon a axudas de accesibilidade en todas as anualidades”.
O obxectivo desta iniciativa é que os equipos de profesionais responsables do deseño de espazos e infraestruturas comprendan a importancia de respectar a normativa sobre accesibilidade e, ao mesmo tempo, coñezan de forma directa como afecta ás persoas cando non se cumpre.
Ao finalizar a xornada de sensibilización, Anxo Queiruga e Álvaro García reuníronse coa conselleira María Martínez Allegue para tratar temas relacionados coa accesibilidade universal, buscando promover a inclusión e mellorar a calidade de vida de todas as persoas.