ADISBISMUR remata as obras de remodelación da fachada do centro ocupacional que ten en Outes

ADISBISMUR remata as obras de remodelación da fachada do centro ocupacional que ten en Outes

 Podes dedcargar a nota en word

A Asociación de Persoas con Discapacidade da Bisbarra de Muros, ADISBISMUR, vén de completar as obras de remodelación da fachada do seu centro ocupacional situado en Valadares, no municipio de Outes. As obras, realizadas en dúas fases, comezaron o ano pasado e concluíron este ano a primeira fase de renovación da parte da fachada que quedaba por illar, eliminando así as humidades que provocaban perdas de calor nas aulas e talleres. A mellora responde á necesidade de manter o centro en condicións óptimas, tanto para a habitabilidade como para a eficiencia enerxética.

Enmarcada dentro da Liña IV de Proxectos de investimento e adecuación de centros e unidades de atención destinados a persoas con discapacidade para a realización de obras de conservación e mantemento de centros e servizos de atención a persoas con discapacidade, estas obras contaron co apoio da Xunta de Galicia a través dos fondos que recibe do 0,7% do IRPF procedentes de todas as persoas contribuíntes que marcaron o recadro 106 destinado a fins sociais.

O centro, que atende a 50 persoas con discapacidade dos concellos de Muros, Outes, Mazaricos, Carnota, Noia, Negreira e Cee, beneficiarase agora destas melloras en confort, seguridade estrutural e illamento térmico grazas ao recubrimento da fachada con chapas de aluminio e material illante.

Estas actuacións permitirán mellorar a conservación do edificio, así como a súa habitabilidade e eficiencia enerxética, incrementando así o benestar das persoas usuarias e do equipo profesional que diariamente as atende.

Galería de imaxes