Á idade de 24 anos, Alfredo Saborido experimentou como afecta a enfermidade renal crónica. Tivo que entrar no proceso de diálise porque os seus ris deixaron de funcionar. O cambio de vida foi drástico, como el mesmo explica, pasou por fases diferentes “o proceso de dó da aceptación da enfermidade, a ligar cun catéter no abdome ou a algo tan básico como a non beber cando tes sede”.
Tiña medo, moito medio. Cando lle dixeron que había un ril agardando por el “tíñalle pánico á anestesia” confesa, pero superouno. Para Alfredo, recibir un ril foi tamén unha oportunidade de encauzar a súa vida, dedicándose ao traballo social, á sexoloxía e á actualmente fai as súas incursións na interpretación, unha afección que tivo que aparcar cando chegou a enfermidade.
Sempre estivo vinculado ao movemento asociativo “creo na base social do terceiro sector, na súa forza e representación da realidade”. Formou parte de diferentes plataformas que loitan pola igualdade de dereitos das persoas como o movemento LGTB e, tralo seu proceso por unha patoloxía crónica, en 2013 entrou a formar parte de Alcer Coruña, entidade da que é coordinador e vicepresidente. “Cada vez existen máis espazos onde as entidades temos representación, pero a brecha entre o social e o sanitario segue sendo un reto pendente", reivindica Alfredo, convencido de que a acción social é clave para o cambio.