As actuacións do 35 Aniversario de COGAMI emocionan e fan protagonista a toda a comunidade da entidade

A celebración do 35 Aniversario de COGAMI converteuse nunha tarde chea de emocións, lembranzas e gratitude compartida. O acto reuniu a preto de 800 persoas na Cidade da Cultura, nun evento conducido con humor e sensibilidade por Roberto Vilar e Eva Millán, mestres de cerimonia encargados de guiar todos os momentos da gala.

Iniciamos a gala cunha tertulia de historias de vida protagonizada por Laura Quintas e José Paz, quen compartiron as súas experiencias sobre o que significa vivir cunha discapacidade orgánica, no caso de Laura, e física, no de José, e como cada un foi reorientando o seu futuro cara novos camiños.


A xornada estivo marcada pola participación das persoas usuarias do Centro de Atención Diúrna de COGAMI en Mos e da Asociación Ámbar, cuxas actuacións en directo foron das máis aclamadas polo público, enchendo o auditorio de aplausos e emoción.

A música en vivo foi o fío condutor de toda a celebración, coa destacada participación de Kim García Trío - formado por Kim García (contrabaixo), Jacobo de Miguel (piano) e Noli Torres (batería) -, acompañados pola voz de Carmen Rey, quen ofreceron interpretacións que puxeron o ritmo durante a toda a tarde.

Durante a gala tamén se proxectaron vídeos nos que colaboraron diferentes persoas vinculadas a COGAMI, compartindo experiencias e testemuñas sobre o impacto da entidade nas súas vidas.

O acto contou ademais coas intervencións do subdirector xeral social da Fundación Bancaria “la Caixa”, Marc Simón; do vicepresidente executivo de Fundación ONCE, Alberto Durán; da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; e do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, quen felicitaron á organización polo seu compromiso e contribución á inclusión social en Galicia.

E non podemos esquecernos dos organismos que apoiaron esta celebración: a colaboración da Axencia de Turismo de Galicia da Xunta, da Fundación “la Caixa”, COGAMI Empresarial e da Fundación da Cidade da Cultura de Galicia.

Galería de imaxes

Todas