Asotrame abre en Vigo a terceira vivenda para pacientes de cancro desprazados e familias

A Asociación de Transplantados de Medula Ósea (ASOTRAME) vén de sumar a súa terceira vivenda de estancia temporal para pacientes de cancro desprazados e persoas coidadoras. Tras a posta en marcha deste recurso na A Coruña e en Santiago de Compostela, a entidade abre agora unha nova vivenda en Vigo co obxectivo de paliar o impacto económico que a enfermidade supón para moitas familias.

“Como en casa” é o nome deste programa, que presta servizo a pacientes oncolóxicos que viven afastados dos hospitais durante o tempo que reciben tratamento hospitalario e, no caso de ingreso, ás persoas acompañantes. A vivenda de Vigo está situada na zona de Samil, a dez minutos do Hospital Álvaro Cunqueiro, o que facilita tanto as visitas familiares como o acceso ás consultas médicas.

O programa iniciou a súa andaina en 2017 na Coruña e posteriormente ampliouse a Santiago. Coa apertura da vivenda en Vigo, convértese nun recurso presente na contorna dos tres hospitais de referencia en transplantes de medula ósea e terapias avanzadas CAR-T de Galicia. Trátase dun servizo aberto a calquera paciente oncolóxico, priorizando aqueles con cancro hematolóxico.

A estancia nesta vivenda é totalmente gratuíta para as persoas usuarias. ASOTRAME asume os custos de alugueiro e subministracións. Ademais do aloxamento, o programa ofrece apoio psicolóxico e orientación sobre os recursos sociais e sanitarios dispoñibles, proporcionando así un acompañamento integral nun momento especialmente complexo.

Galería de imaxes

Todas