Co fin de promover o desenvolvemento máximo das súas capacidades e de mellorar a súa autonomía persoal a través de itinerarios personalizados de intervención social, COGAMI desenvolveu durante este ano un programa dirixido á promoción da igualdade entre mulleres e homes.
Neste programa participan un total de 50 mulleres con discapacidade, moitas delas viven unha situación de especial vulnerabilidade por estar en situación de emerxencia social, con multiplicidade de factores de exclusión social, en situación de desemprego ou con maiores dificultades de inserción ou participación social derivadas de circunstancias persoas e/ou familiares e ás cales se lle proporciona o apoio necesario para desenvolver o seu plan vital.
Financiado pola Xunta de Galicia a través dos fondos do 0,7% do IRPF daquelas persoas contribuíntes que marcaron o recadro 106 de Actividades de Interese Social, este programa está dirixido a promover a igualdade entre mulleres e homes, potenciar a participación e a presenza de mulleres na vida política, económica, cultural e social, así como a atender a todas aquelas mulleres con discapacidade que se atopan en situación de vulnerabilidade.
Utilizando unha metodoloxía de atención integral centrada na persoa que inicia analizando as necesidades e realizando as intervencións cun enfoque comunitario e incidindo no propio entorno natural das persoas, entre as actuacións que se levaron a cabo están ofrecer información e asesoramento para o empoderamento e participación activa das mulleres a través de itinerarios personalizados, en especial aquelas que viven situacións de vulnerabilidade ou residen no medio rural.
Para desenvolver este programa de Promoción da Igualdade entre mulleres e homes, contouse cun equipo formado por seis traballadoras sociais localizadas nas instalacións que COGAMI ten abertas en A Coruña, Ferrol, Santiago, Vigo e Lugo.