COGAMI achega disciplinas artísticas ás persoas con discapacidade a través do programa EnRedArte

COGAMI achega disciplinas artísticas ás persoas con discapacidade a través do programa EnRedArte

Tralo éxito de participación acadado dende os seus inicios, centros de recursos de COGAMI e entidades membro participan nunha nova edición do programa EnRedArte, unha aposta por facilitar que as persoas con discapacidade teñan acceso á cultura.

Financiado pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, a través deste programa búscase achegar a actividade cultural a través do desenvolvemento de diferentes obradoiros artísticos en disciplinas como a expresión corporal, o teatro e a talla en cristal.

Durante este ano participan sesenta persoas procedentes dos centros de recursos de Medelo e Mos, ademais de persoas usuarias das entidades membro de COGAMI Avante de Val do Dubra, a Asociación Enfermos de Artrite de Pontevedra (Asearpo) e a Asociación Ourensá de Esclerose Múltiple, Párkinson e Enfermidades Raras (Aodemper).

Dende que o programa EnRedArte iniciara en 2015, levan participado un total de 952 persoas, sesenta durante esta edición. A finalidade é o fomento da participación e as relacións sociais das persoas con discapacidade, ademais de incrementar a oferta de actividades de lecer na contorna. A acollida positiva obtida ao longo destes anos influíu na súa continuidade, favorecendo tanto a práctica de actividades artísticas como tamén beneficiando a saúde das persoas, ao potenciar a autoestima, a capacidade de decisión e a autodeterminación.

Galería de imaxes