COGAMI e a empresa Lonza colaboran para sensibilizar sobre discapacidade no ámbito laboral

A relación entre COGAMI e Lonza Biologics Porriño SL iniciou no ano 2010, cando a área de Emprego realizou a primeira visita á empresa para presentar os servizos que presta a  entidade. Desde entón, mantívose unha estreita relación que culmina coa incorporación dunha persoa con discapacidade ao cadro persoal de Lonza, Sonia González.

Foi a propia Sonia quen lle comentou á súa orientadora laboral a posibilidade de poder participar nunha charla mensual que organiza a empresa, denominadas Diversity Breaks, unha oportunidade para dar a coñecer a discapacidade no ámbito laboral. A área de Emprego de COGAMI en Vigo aceptou esta oferta, desprazándose  a coordinadora da oficina, Sandra Araújo, e a orientadora laboral, Susana Rodríguez.

A esta charla de sensibilización asistiron 20 persoas do cadro de persoal de Lonza. Durante a sesión, abordáronse temas como a diferenza entre incapacidade laboral e discapacidade, os retos e necesidades actuais do colectivo e os mitos que aínda persisten sobre o seu desempeño profesional. O público amosou unha grande implicación, compartindo experiencias persoais e formulando cuestións sobre como fomentar un ambiente de traballo máis inclusivo.

Ao finalizar, o equipo organizador da charla manifestou o seu interese en manter a colaboración con COGAMI para impulsar novas accións conxuntas a medio e longo prazo. Nas próximas semanas ambas entidades reuniranse de novo para explorar novas vías de traballo en común.

Galería de imaxes

Todas