A localidade italiana de Lucca acolleu a xuntanza de lanzamento do proxecto Inno3D-SEN – Empoderando ao persoal profesional en NEAE con innovacións en impresión 3D, unha iniciativa europea cofinanciada polo programa Erasmus+ que ten como finalidade mellorar as competencias do profesorado e do persoal terapeuta que traballa con alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE).
COGAMI participa nesta iniciativa xunto con dúas entidades europeas especializadas na inclusión e a innovación social: e-Nable Greece (Grecia), centrada na creación de axudas técnicas mediante impresión 3D, e Limeup EU ISSC (Italia), empresa social con ampla experiencia en hackathons e dinamización comunitaria.
Este proxecto busca integrar a tecnoloxía de impresión 3D na educación e na rehabilitación para crear ferramentas de apoio personalizadas que favorezan a inclusión, a autonomía e a igualdade de oportunidades no mercado laboral. A través desta iniciativa fomentarase a innovación, a accesibilidade e as prácticas inclusivas en diferentes contextos europeos.
Durante esta primeira xuntanza, marcouse o inicio oficial do proxecto, compartíronse ideas, aliñáronse obxectivos e definíronse os primeiros pasos a seguir. Entre as actividades previstas destacan grupos focais, sesións formativas, un hackathon inclusivo de impresión 3D e outras accións que se desenvolverán ao longo dos vindeiros meses.
O proxecto conta co código 2024-1-ES01-KA210-VET-000247925 e supón unha oportunidade para promover unha educación máis accesible, creativa e sostible, especialmente para o alumnado con discapacidade.